Skip to Content

Cabalgata de Reis en Begonte

As SS.MM. os Reis Magos de Oriente chegaron a Begonte, na tarde do cinco de xaneiro de 2006, sendo recibidos polas primeiras autoridades municipais.
Os Reis Magos, como xa é tradicional, desfilaron polo centro de Begonte sobre carros tirados por parellas de vacas do país, como un xeito de rescate dos valores autóctonos e o seu achegamento ós rapaces begontinos.
Na recepción oficial diante da Casa do Concello, o Alcalde de Begonte, José Pena Rábade, agradeceu a visita das SS.MM. sinalando o contraste entre a tradición (desfile en carros do país), e a modernidade de Begonte como centro de comunicacións e núcleo receptor de empresas, e o futuro representado polos centos de nenas e nenos asistentes á recepción.
Sinalou Pena Rábade que posiblemente era a última vez que recibía ás SS.MM. como primeira autoridade municipal, polo que agradecía a axuda recibida estes anos, cun agradecemento especial ós begontinos, pola súa confianza e apoio de tantos anos, agardando deles a amizade de sempre cando deixe as súas responsabilidades ó frente do concello.
Rematou pedindo ós Reis Magos que sigan tendo presente a Begonte no seu traballo, e axuden ó futuro alcalde atendendo no posible as súas peticións, que estarán encamiñadas ó progreso desta terra e das súas xentes, e a despertar a ledicia e ilusión dos begontinos máis novos.
Os nenos presentes, que recibiron dos Reis Magos cadanseu regalo, foron agasallados polo Concello, que contratou diversos xogos infantís, desplazou a Begonte un grupo de poneis para a práctica infantil da equitación, e serviu unha merenda para tódolos nenos.