Skip to Content

O Belén de Begonte

Cada ano, arredor de 40.000 persoas visitan en Begonte o Belén Electrónico que en 1972 fundou José Domínguez Guizán. Xentes de todo Galicia peregrinan a Begonte facendo deste pobo chairego a capital do Nadal en Galicia.
Un traballo do colectivo “Amencer” do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, premiado no Certame de Xornalismo do Centro Cultural de Begonte na súa XIV edición, abogaba por unha denominación para esta localidade baseada no seu elemento máis característico. E falaba de Begonte do Belén. E quedoulle o nome.
Narradores e poetas rivalizan en cantar ó Belén de Begonte. Velaquí o que del dixo Fiz Vergara Vilariño, o poeta do fondal de Galicia de Santalla de Lóuzara, que tan axiña nos deixou.

Inquedos armadanzas con paciencia
ergueron en begonte un monumento:
Ronsel de paz divina, facha ao vento
rebordante de amor e transparencia.
Déronlle, apaixoados, a inocencia
da poeira do camiño borrallento
mixturada cun máximo talento
a se erixir no centro da conciencia.
Déronlle, asemade, luz da estrela,
guieiro dos peregrinos ao portal
na grande noite serea e misteriosa…
Déronlle, en fin, ciencia ben sinxela
para facer de Begonte unha lanzal
Galilea máis galega e máis fermosa

Poderiamos, pois, chamarlle a Galilea galega, que tamén o é. Pero quedámonos con BEGONTE DO BELÉN, polo que simboliza de vencello de todo un pobo cunha iniciativa que leva máis de tres décadas facendo de Begonte un faro chairego que aluma no Nadal a toda Galicia.

O Belén

O Belen

Trátase dun belén que ten vida propia, no que as figuras están animadas electronicamente e, conxuntamente, conforman unha escena de Belén tradicional axeitado a Galicia, onde os labregos cultivan a terra, os pastores atenden o gando, os carpinteiros carpentean e os pescadores pescan. Todo para mellor escenificar, representar, unha imaxe que ten tanto de inocencia como de técnica, de fe como de respecto á tradición.
No decurso dos anos o Belén foi medrando, ocupando toda a planta baixa do local onde está instalado, e cada ano sofre fonda transformación para que os que acoden tódolos anos a velo –que son moitísimos- teñan sempre novidades que ver e que contar.
Desde hai uns anos, na sala inmediata ó Belén está montado o Museo do Belén, onde se van incorporando en cada edición os edificios, as figuras e os conxuntos animados que cada ano van sendo renovados na instalación.

belen

O Nadal

A tempada do Nadal, en Begonte, dura dous meses. Desde comezo de decembro ó remate de xaneiro.
O comezo márcao o Pregón do Nadal que pronuncia un persoeiro da vida cultural, social ou relixiosa de Galicia. Pregoeiros do Belén foron os dous últimos arcebispos de Santiago de Compostela e os bispos de Mondoñedo-Ferrol e Lugo, Fraga Iribarne, Vázquez Portomeñe, López Besteiro, García Leira, Manuel Regueiro, Luis Rial, Tuñas Bouzón, Filgueira Valverde… E López Orozco, Adolfo de Abel, Blanco Campaña, Jesús Parga, Emilio Valadé…
Cada ano convócase cadansúa edición do Certame galego de arte “José Domínguez Guizán”, Certame Nacional de Poesía sobre O Nadal, Certame de Xornalismo sobre O Nadal, Certame de Debuxo infantil, e publícase un libriño cos traballos premiados en cada edición dos certames de poesía e xornalismo.
Todos estamos invitados a visitar o Belén de Begonte, agardando que, como quería Fiz Vergara Vilariño, nos aproveite a visita:


"A Begonte este ano iremos
pra visita-lo Belén;
de Begonte voltaremos
encheitos de paz e ben.
"

 

HORARIO DE VISITAS Ó BELÉN ELECTRÓNICO
Laborables: 15,00 a 19,00 h.
Festivos: 11,00 a 14,00 e 15,00 a 20,00 h.
Grupos: Avisar previamente ó tfno. 982.396121