Ir o contido principal

Casa-Museo de Víctor Corral

Víctor Corral naceu en Baamonde en 1937 nunha familia de once irmáns. Hoxe é un escultor de talla internacional, e en Baamonde abre ao mundo a súa Casa-Museo.

Estudou Artes e Oficios na Coruña co escultor José Juan, e en Barcelona con Montagut. Tivo un taller en Barcelona, onde chegou a tallar 40 "Quijotes" ao día; expuxo con éxito, e volveu á súa terra para consagrarse como gran artista, xa que, segundo Francisco Pablos, "comprendeu que había outros mundos, pero estaban no seu, no seu Baamonde natal, porque o universo todo pode e debe encerrarse na propia imaxinación creadora".

Expuxo en Lugo, A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Oviedo, Madrid, Barcelona, Xenebra, etc. A súa obra figura no Parlamento de Galicia, en museos de Chicago, Nova York, Lugo, A Coruña, Pontevedra,... Ten obras en lugares públicos de Vilalba, Guitiriz, As Pontes, Begonte, Cospeito, Foz, Cacheiras, e en varios puntos da Autovía e a N-VI Madrid-A Coruña.

Víctor Corral traballa en pedra, madeira,  marfil... e as materias inertes cobran vida nas súas mans milagrosas. Comezou a esculpir nos cornos das vacas da súa familia, nas árbores vivas da súa casa, e despois dun longo camiño polo mundo da arte utilizando todo tipo de materiais, ten máis de dous milleiros de obras (miniaturas ou xigantescas), entre as que destaca a capela instalada no interior do castiñeiro milenario das proximidades da igrexa de Baamonde, e a súa Casa-Museo feita por el, pedra a pedra, incrustando nos seus muros tallas singulares, converténdoa no marco perfecto para o museo no interior e no xardín exterior, polo que anualmente pasan máis de vinte mil persoas.

A obra de Víctor Corral fala de Deus, das miserias do mundo, da natureza, da pureza, da inocencia, do amor. Para Castro Couso, Víctor "chega a unha esencia mística, máis aló do puramente material".

O profesor Novo Cazón, estudioso da vida e obra de Víctor Corral, indica que "Trapero Pardo, Castro Couso, Esther Ollo e Comas, Malú Sánchez, conflúen todos eles en determinar o estilo propio e xenuíno do escultor, á marxe das vangardas e das tendencias artísticas. Aínda así, na obra de Curral pódense percibir ecos do románico e do gótico, influencias do manierismo de Miguel  Ángel, trazos do impresionismo de Rodin, e do expresionismo, e por encima de todo o tipismo galego ao estilo de Asorey, presente en toda a súa obra".

De Víctor, díxoo todo Manuel María:

A túa escultura, pura como a rosa,
con recendo a terra e primaveira
é un asombro total, unha fogueira,
unha paixón acesa e fervorosa.
A súa nidia verdade temblorosa
ten unha forza fatal e verdadeira
pois agroma da pedra ou da madeira
como unha clara fontenla misteriosa.
Ti fas, Víctor Corral, case da nada,
un mundo necesario de esperanza,
aberto á marabilla inagardada…